Dereito a Ensino Sen Risco En Pandemia

Manifesto DERPA Galicia

Quen somos?

Somos un colectivo de familias galegas preocupadas pola volta ao cole na actual situación sanitaria.

Somos nais e pais que consideramos que os nosos fillos e fillas non van estar seguros nas aulas en setembro, e queremos que as administracións educativas garantan o seu dereito á educación nun entorno seguro, e favorable para a súa aprendizaxe, facilitando a libre elección de formación: presencial ou a distancia.

Dentro do colectivo hai todo tipo de persoas.

Hai familias que queren que os seus fillos e fillas asistan a clase de xeito presencial, pero reclaman o seu dereito a que as aulas sexan un lugar seguro, no que se cumpran as medidas sanitarias necesarias para velar pola saúde de toda a comunidade educativa. 

Outras familias prefiren que os seus nenos e nenas, moitos deles con patoloxías previas que os fan moi vulnerables en caso de contaxio, non asistan ao colexio entanto non se resolva a crise sanitaria actual, e reclaman o dereito a recibir unha educación de calidade dende a casa. 

Hai tamén no colectivo docentes que pensan que a flexibilidade educativa é unha boa opción nestas circunstancias tan excepcionais que estamos vivindo, e que tamén permitiría que as persoas de risco poidan traballar seguras telemáticamente.

O que todos e todas compartimos é a convicción de que a flexibilidade de asistencia benefícianos a todos, protexendo ás persoas máis vulnerables e ás súas familias, e reducindo a ratio nas aulas, e polo tanto os contaxios.

Ante todo, somos persoas que queremos o mellor para todos e cada un dos nenos e nenas en idade escolar, e que o comezo de curso garanta a súa seguridade e a de todos os traballadores e traballadoras dos centros escolares.

Queremos ademais protexer o dereito a unha educación de calidade, que atenda á diversidade de cada neno e ás súas circunstancias persoais.

Para logralo é preciso un sistema educativo aberto, flexible e equitativo, moi especialmente no momento que vivimos. E pensamos que para que isto sexa así, as administracións educativas teñen que aportar os recursos necesarios para un entorno de ensino e aprendizaxe eficiente, tanto presencial como a distancia.

Consideramos isto imprescindible, non só para quen pedimos o dereito a escoller, senón tamén para quen se pode ver afectado no futuro polas posibles repuntas, ou para non frear a formación do alumnado que teña que permanecer puntualmente na casa por presentar síntomas compatibles coa COVID-19.

Sabemos que nas aulas se dan as condicións que as autoridades sanitarias consideran que maximizan o risco de contaxio: son espazos pechados e reducidos, acollen a numerosas persoas, as cales permanecen alí durante un tempo prolongado.

Por este motivo, apoiamos todas as reivindicacións de ANPAs, sindicatos e outros colectivos da comunidade educativa reclamando un novo protocolo que garanta o dereito á saúde e á educación. Pero pensamos que esa reclamación ten que recoñecer o dereito das familias a protexer aos seus fillos como mellor consideren así como o dereito dos docentes a poder levar a cabo o seu traballo en condicións seguras.

A nosa loita está dentro da defensa dunha educación de calidade, que garanta a equidade e a flexibilidade precisa para atender as necesidades de todas as nenas e nenos, independentemente do seu estrato social, circunstancias persoais e familiares ou xeitos de aprendizaxe, nun entorno seguro no que poidan dar o mellor de sí. Por desgraza, o concepto de “entorno seguro” mudou e as autoridades educativas teñen que adaptarse á nova realidade canto antes.

Por que loitamos?

Por todo o exposto, reclamamos un novo PROTOCOLO DE ADAPTACIÓN AO CONTEXTO DA COVID 19 NOS CENTROS DE ENSINO NON UNIVERSITARIO DE GALICIA PARA O CURSO 2020-2021 que garanta:

  • O dereito a escoller a modalidade de ensino, presencial ou a distancia, que mellor se adapte ás necesidades educativas e de saúde de cada crianza e das súas familias na situación de risco sanitario actual.
  • O dereito á saúde dos alumnos e alumnas, docentes e resto de persoal que traballa nos centros educativos, tomando as medidas requiridas polas autoridades sanitarias. 
  • A provisión de recursos e formación necesarios para docentes e alumnado que posibiliten unha educación de calidade, ben sexa de forma presencial ou en liña.



Crea tu página web en WordPress.com
Empieza ahora